Castelán

A XUNTA REALIZARÁ EXAMES DE OPOSICIÓNS PARA MÁIS DE 900 PRAZAS DE EMPREGO PÚBLICO NOS MESES DE XUÑO,XULLO E OUTUBRO

INFORMACIÓN AOS MEDIOS de parte de Xunta de Galicia

A Xunta de Galicia realizará exames de oposicións para máis 900 prazas de emprego público nos vindeiros meses de xuño, xullo e outubro. Así se desprende dun informe sobre procesos selectivos no ámbito da Función Pública presentado hoxe no Consello do Goberno galego polo conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos. Segundo o informe, estes exames afectarán a 35 procesos, que son todos os procesos que estaban pendentes de comezar a fase de exames. O desglose é o seguinte: 24 no mes de xuño, 9 en xullo e dous reservados para persoas con discapacidade intelectual que se realizarán no mes de outubro. En total, hai máis de 40.000 aspirantes inscritos
para estas oposicións.

Entre todos estes procesos selectivos destacan os administrativos como os do Corpo Superior (A1) con 75 prazas convocadas; o Corpo de Xestión (A2) con 90 prazas; o Corpo Administrativo (C1) con 102 prazas; o Corpo Auxiliar (C2) con 120 ou a Agrupación profesional de Persoal Subalterno con 119 prazas de emprego público convocadas.

Calendario

No mes de xuño realizarase o primeiro exame para Química (A1) e Química (estabilización), Arquitectos (A1) e Arquitectos (estabilización), Enxeñería industrial (A1) e Enxeñería industrial (estabilización), Enxeñería de Minas (A1), Arqueólogos (A1), Arquivos (A1), Bibliotecas (A1), Bibliotecas (promoción interna), e Museos (A1).

En canto ao grupo A2 realizarase o primeiro exame para Arquitectos técnicos; Arquitectos técnicos (estabilización); Escala de xestión de sistemas da información (estabilización); Enxeñería técnica industrial; Enxeñería técnica industrial (estabilización); Enxeñería técnica de obras públicas; Enxeñería técnica de Minas; Bibliotecas; Museos; e Arquivos. Tamén se realizará en xuño o exame para Axentes de inspección C1 (vixilancia de estradas), e Axentes de inspección C1 (dominio público hidráulico).

No mes de xullo realizarase o primeiro exame para o Corpo Superior (A1), o Corpo de Xestión (A2), Finanzas (A2), Escala técnica auxiliar de informática (estabilización), o Corpo Administrativo (C1), Auxiliar de clínica (C2), o Corpo Auxiliar (C2), Auxiliar coidador (C2) e Agrupación profesional de persoal subalterno.

Finalmente, no mes de outubro será a quenda da agrupación profesional de persoal subalterno reservada para persoas con discapacidade intelectual e para o Corpo Auxiliar (C2) tamén reservado para persoas con discapacidade intelectual.

A Consellería de Facenda e Administración Pública publicará mañá na web da Dirección Xeral da Función Pública as datas de celebración do primeiro exame destes 35 procesos para que os opositores poidan planificar as súa preparación.

Outros procesos

Estes 35 procesos son todos os procesos que estaban pendentes de comezar a fase de exames e forman parte dos procesos selectivos en cuxa execución está a traballar na actualidade a Consellería de Facenda e Administración Pública. Dos procesos restantes, 25 deles rematarán no primeiro cuadrimestre deste ano pois ou ben están na fase de concurso, ou ben xa máis avanzados, na fase de elección de destino; e outros 14 están en plena fase de oposición.

Por outra banda, tamén neste ano iniciarase o desenvolvemento dos procesos selectivos extraordinarios de estabilización convocados logo da entrada en vigor da Lei 20/21 de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público. O número de prazas supera as 5.600 distribuídas en 211 procesos selectivos.

ACCESO AO COMUNICADO OFICIALhttps://www.nosoposicions.com/wp-content/uploads/2023/02/consello-xunta-data-procesos-selectivos.pdf