A mesa sectorial do Servizo Galego de Saúde aprobou este venres a Oferta de emprego público (OPE) 2023 que contará con 1.207 prazas.
Polo tanto, sumando a oferta anticipada de 423 prazas correspondentes a postos de difícil cobertura, o número de prazas ofertadas no presente ano ascende a 1.630.
En concreto, o Sergas distribúe a oferta en 168 prazas de persoal médico na categoría de licenciado sanitario (121 de familia, 35 de urxencias hospitalarias e 12 de hospitalización a domicilio). Así, a convocatoria de 2023 de médicos/as de familia amplíase a 271.
A OPE aprobada esta mañá en mesa sectorial e que a próxima semana será levada ao Consello da Xunta inclúe 958 prazas de diplomado/a sanitaria e de formación profesional (818 de enfermaría, 121 de técnico superior en laboratorio de diagnóstico clínico, 11 de técnico superior en dietética e 8 de anatomía patolóxica e citoloxía) e 81 na categoría de xestión e servizos (37 de traballo social, 33 de auxiliar de función administrativa, 5 de xestión da función administrativa, 2 do grupo técnico da función administrativa e 4 de técnico superior en prevención de riscos laborais).
Das máis de 1.200 prazas da nova OPE, 61 estarán reservadas a persoas con discapacidade xeral e, como novidade, o proxecto de decreto da oferta de emprego público contempla a concentración da reserva de prazas de discapacidade intelectual no grupo auxiliar da función administrativa e, polo tanto, as 33 prazas ofertadas estarán reservadas para as persoas con este tipo de discapacidade.
https://saladecomunicacion.sergas.gal/Paginas/DetalleNova.aspx?idioma=ga&idNova=14063&vista=clasica