Rueda avanza unha oferta de máis de 10.000 prazas no proceso de estabilización de emprego

Do total de prazas, 8.701 faranse polo sistema de concurso de méritos e 1.635 a través dun concurso-oposición

👉 https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/69241/rueda-avanza-unha-oferta-mais-10-000-prazas-proceso-estabilizacion-emprego

Administración Xeral
No que se refire ao eido da Administración, das 6.480 prazas ofertadas, 4.641 correspóndense con prazas de emprego público na Administración Xeral e 1.839 con prazas das entidades do sector público autonómico. Dentro das entidades do sector público, 1.357 prazas pertencen ao Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, no que 1.195 serán susceptibles de seleccionarse polo sistema de concurso de méritos e 162 por concurso-oposición.
Sanidade
Pola súa banda, o número total de prazas que o Servizo Galego de Saúde vai ofertar é de 2.568, das que 760 cubriranse polo sistema de concurso-oposición e 1.808 polo procedemento excepcional de concurso.

Este novo proceso súmase ás 8.218 prazas ofertadas polo Sergas nos últimos dez anos, o que suporá logo da súa resolución, a incorporación de preto de 11.000 profesionais, con vínculo fixo, ás institucións sanitarias do Sistema público de saúde de Galicia e que situará a taxa de temporalidade estrutural do organismo coa incorporación das ofertas públicas de emprego actualmente convocadas no 4,72 % dende o 23,55 actual.

Por categorías, 601 prazas corresponden a persoal licenciado sanitario, 733 a persoal diplomado sanitario. Ademais, de persoal sanitario de formación profesional a oferta ascende a 609 prazas, ás que hai que engadir 34 de persoal investigador.

Así mesmo, o Consello aprobou a oferta de emprego público extraordinaria para a estabilización de emprego temporal do persoal sanitario funcionario da escala de saúde pública. O número de prazas ofertadas é de nove, das que catro son de inspectores médicos, tres de farmacéuticos inspectores de saúde pública, ademais dunha de diplomado universitario de enfermería e outra de subinspector sanitario.

Ensino
No relativo á oferta de emprego público para postos docentes, aprobouse un total de 1.281 prazas. Delas, 1.156  son derivadas da aplicación das disposicións adicionais sexta e oitava da Lei 20/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público. Desenvolveranse, segundo o indicado polo Goberno central, polo sistema de concurso de méritos, que se abrirá a partir do último trimestre do ano.

As restantes 125 prazas, derivadas da aplicación do artigo 2.1 da mesma lei estatal, desenvolveranse polo sistema de concurso-oposición, que se convocará no último trimestre do ano e cuxas probas se celebrarán o próximo verán.

Prevese rematar este proceso de estabilización en 2023 cunha taxa de interinidade docente do 6 % no conxunto das prazas. Cómpre lembrar que este proceso extraordinario é de obrigado cumprimento para Galicia, malia que a nosa comunidade xa cumpre neste momento o obxectivo de interinidade docente do 8 % que esixe o Goberno central para finais de 2024, mentres que a media estatal é do 25 %.