O concurso de méritos que convocará a Xunta no ensino contará con 1.156 prazas en 148 especialidades

O concurso de méritos que convocará a Xunta no ensino contará con 1.156 prazas en 148 especialidades

Compartimos esta nova que acaba de facer pública a Consellería de Educación:

A Xunta de Galicia vén de remitir ás organizacións sindicais que forman parte da mesa sectorial docente a proposta de prazas por especialidades da convocatoria de concurso de méritos que está a organizar a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades para os vindeiros meses. Así o informou hoxe o director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez.

En concreto serán 1.156 prazas as que se convocarán, nun total de 148 especialidades. A distribución de prazas deste concurso cumpre cos requirimentos establecidos polo Goberno central, xa abordados cos sindicatos en varios encontros previos, co obxectivo final de estabilizar ao profesorado baixo os preceptos das disposicións adicionais 6ª e 8ª da Lei 20/2021 de medidas urxentes para la redución da temporalidade no emprego público. O vindeiro luns celebrarase unha mesa sectorial para pechar o proceso.

Do total de prazas, as 147 prazas do extinto corpo de Profesores Técnicos de Formación Profesional non se poderán convocar ata que o Ministerio de Educación publique a norma de desenvolvemento da nova lei de FP no relativo ao novo corpo que se crea (profesores especialistas en sectores singulares da FP) e ás especialidades do extinto corpo (suprimido pola nova lei de Educación) que se integran no corpo de profesores de ensino secundario.

A convocatoria deste concurso de méritos dá resposta á obriga imposta polo Goberno central a través do Real Decreto que modifica de xeito transitorio o sistema de oposicións para acadar unha taxa de interinidade do 8%, cifra que Galicia xa ten e que contrasta coa media do 25% que se estima de media para o conxunto das comunidades autónomas.

De feito, como explicou o director xeral, a previsión é que o sistema educativo galego acade unha interinidade de aproximadamente o 6% ao remate do proceso de estabilización que está a desenvolver a Xunta, que se compón de case 4.000 prazas entre as oposicións desenvolvidas durante o pasado verán, este concurso de méritos e o concurso-oposición polo sistema transitorio que se realizará no verán de 2023.

O vindeiro luns está previsto celebrar a mesa sectorial co obxectivo de pechar o proceso, que foi xa obxecto de negociación nos últimos meses. O seguinte paso sería a súa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG) para abrir o concurso. A Consellería de Educación informará oportunamente dos trámites para as persoas interesadas.

➡️ Acceso á info oficial da páxina da Xunta: http://www.edu.xunta.gal/portal/node/38054

➡️ Borrador Convocatoria Concurso de Méritos

A distribución das prazas por especialidades pode consultarse no documento anexo :         👇👇👇👇

 

 

Scroll al inicio