Notas de prensa: Novidades procesos XUNTA

Preto de 69.000 aspirantes participarán en 92 procesos selectivos que se celebrarán entre xuño de 2023 e febreiro de 2024

  • O Goberno galego traballa nesta planificación que busca achegar maior seguridade aos opositores e facilitar unha resolución áxil dos procesos

  • A Consellería de Facenda e Administración Pública afronta a realización do maior número de procesos selectivos xamais feitos pola Administración galega

Realización das probas
Entre os meses de xuño de 2023 e febreiro de 2024 está prevista a realización do primeiro exame de 92 procesos selectivos de acceso libre, de estabilización e de promoción interna.

Os 25 procesos con maior volume de participantes terán lugar no recinto feiral de Silleda nos meses de xullo, setembro, outubro e novembro do ano 2023 e febreiro de 2024.

Os procesos selectivos previstos para o mes de xullo serán os de acceso libre. Correspóndense cos corpos e escalas da Administración xeral, concretamente os grupos A1 (corpo superior), A2 (corpo xestión), C1 (corpo administrativo), C2 (corpo auxiliar), AP (Subalternos) e da administración especial, escala de auxiliar de clínica e escala de auxiliar coidador, ambos do grupo C2.

Nos meses de setembro e outubro realizaranse os procesos selectivos do grupo A2, educador infantil e educador social, do grupo C1, educador infantil, do grupo C2, auxiliar de cociña e PSX e AP limpeza e cociña.

No mes de novembro realizaranse os procesos selectivos vinculados ao servicio de prevención e extinción de incendios forestais das categorías laborais dos grupos IV e V e do grupo C2 bombeiro forestal. Finalmente, no mes de decembro os procesos selectivos de estabilización de auxiliar de clínica e auxiliar coidador (ambos do grupo C2).

No  mes de febreiro de 2024 realizaranse os procesos selectivos de estabilización dos corpos xerais A1 (corpo superior), A2 (corpo xestión), C1 (corpo administrativo), C2 (corpo auxiliar), e AP (subalternos) para o ingreso en prazas reservadas para ser cubertas por persoas que acrediten discapacidade intelectual.

Os 67 procesos selectivos restantes celebraranse entre a EGAP e a Facultade de Dereito da USC e serán en xullo e outubro de 2023 e xaneiro e febreiro de 2024.

Scroll al inicio