Información da Consellería de Educación sobre as Oposicións.

Na mesa sectorial celebrada o 30 de abril entre a Consellería de Educación e os sindicatos para analizar todo o relacionado coas oposicións de Educación convocadas este ano e aprazada a súa celebración para xuño do 2021 tratouse o seguinte segundo a seguinte nota de prensa remitida pola Consellería. 

O director xeral de Centros e Recursos Humanos, José Manuel Pinal, reuniuse hoxe por videoconferencia cos sindicatos do ensino non universitario nunha mesa sectorial na que todas as partes coincidiron na necesidade de blindar as 3.654 prazas da Oferta Pública de Emprego de 2020. Para garantilo, a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional abrirá de novo a inscrición nas oposicións cando o Goberno Central levante a suspensión dos prazos administrativos derivados do Estado de Alarma.

A prioridade da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional sempre foi blindar as oposicións e as prazas tal e como foron aprobadas e convocadas antes da pandemia do COVID-19. Nin a Consellería nin os sindicatos quixeron optar pola revogación da oferta actual, como si fixeron outras Comunidades Autónomas; dado que isto suporía unha total incerteza respecto da efectiva celebración do proceso e das súas condicións.

No referido ás datas de celebración das probas no ano 2021, o director xeral puntualizou que, neste momento, e dado que non temos aínda o calendario escolar do curso 2020/2021 é imposible concretar máis a data de celebración das oposicións. Polo tanto, o borrador de orde presentado hoxe aos sindicatos só pode indicar que se celebrarán no mes de xuño do ano 2021 e que os aspirantes serán convocados cun mínimo de 5 días de antelación. Aínda así, comprometeuse a anunciar as probas coa máxima antelación que permitan as circunstancias.

Respecto da posibilidade de acumular a OPE de 2020 a novas prazas no 2021, Pinal explicou que non é posible a nivel legal sumar as prazas, dado que a normativa aplicable a cada unha das ofertas de emprego sería diferente. En calquera caso, a Consellería comprométese a volver analizar a situación se o Goberno central tomase algunha medida que permitise a acumulación de ofertas

 

Proxecto de orde convocatoria

Scroll al inicio