Convocado o proceso selectivo para 119 prazas de auxiliares de Policía Local.

| Convocatorias |

Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria do proceso selectivo de 119 prazas de auxiliares de Policía Local para 26 concellos. O procedemento convócase polo trámite de urxencia, polo que todos os prazos se reducen á metade, agás os referidos á presentación de solicitudes, recursos e alegacións. A previsión é que as probas poidan celebrarse no mes de xuño.

Dáse así cumprimento ao acordo acadado no Centro de Coordinación Operativa (Cecop) fronte á covid-19, que na súa novena reunión do 16 de maio acordara iniciar os procesos selectivos de postos de auxiliares de policía local, por entender que a súa cobertura é indispensable para a protección do interese xeral.

Os concellos que convocaron prazas para esta convocatoria son A Cañiza, A Estrada, A Guarda, A Laracha, Barbadás, Bueu, Cangas, O Carballiño, Carballo, Cedeira, Gondomar, Malpica de Bergantiños, Miño, Noia, O Barco de Valdeorras, O Grove, Oleiros, Ortigueira, Ponteareas, Redondela, Rianxo, Salceda de Caselas, Sanxenxo, Tomiño, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa.

As solicitudes poderán presentarse durante 10 días hábiles, contados a partir do 30 de maio. Unha vez rematado o prazo de presentación de solicitudes, publicarase no DOG e na páxina web da Agasp a resolución coa listaxe provisional de persoas admitidas e excluídas, e abrirase un prazo de 5 días para posibles emendas.

O procedemento será o de oposición por quenda libre e incluirá a comprobación de estatura, proba de aptitude física, proba de coñecemento e proba de lingua galega para aqueles que non estean exentos.

Os aprobados poderán elixir destino -por orde de puntuación- nalgún dos concellos que convocan prazas. Ademais, deberán superar un curso de formación teórico-práctico como requisito indispensable para que se proceda á súa contratación. Aquelas persoas que non superen o procedemento pasarán a conformar unha listaxe de reserva para futuras contratacións.

Cómpre recordar que a Xunta aprobou en 2017 un decreto que permite aos concellos delegar na AGASP o proceso selectivo das categorías de auxiliares e policía local. Os concellos poden adherirse de forma voluntaria asinando un convenio e aforrar así xestións e recursos, ademais de mellorar a axilidade do proceso. A día de hoxe teñen asinado convenio coa AGASP un total de 76 concellos.