Publicouse a Convocatoria do Concurso-oposición de acceso ao corpo de inspectores de educación e de mestres e procedemento de adquisición de novas especialidades polo persoal funcionario de carreira do corpo de mestres para o ano 2015
PRAZO DE PRESENTACIÓN DE SOLICITUDES: ATA O 7 DE ABRIL
RESUMO DA CONVOCATORIA
Información obtida en base á :
ORDE do 11 de marzo de 2015 pola que se convocan procedementos selectivos de ingreso e acceso ao corpo de inspectores de educación e de mestres e procedemento de adquisición de novas especialidades polo persoal funcionario de carreira do corpo de mestres da Comunidade Autónoma de Galicia.
NOTA: Ante calquer dúbida ou aclaración acúdase á propia Orde da Convocatoria que ofrece unha información máis detallada de todo o proceso selectivo.
FASE OPOSICION
Cada unha das probas da fase de oposición terá carácter eliminatorio.
Todas as probas das especialidades de idiomas modernos nos Corpos de Mestres, e Profesores de Ensino Secundario, desenvolveranse no idioma correspondente.
PROBAS DA FASE DE OPOSICIÓN
A fase de oposición constará de dúas probas:
PRIMEIRA PROBA.
As dúas partes que integran a primeira proba deberán realizarse no mesmo día.
As dúas partes que integran a segunda proba realizaranse nunha mesma sesión.
Esta proba terá por obxecto a demostración dos coñecementos específicos da especialidade docente á que se opta, e constará de dúas partes que serán valoradas conxuntamente:
PARTE A:
Incluirá unha proba práctica consistente na realización dunha serie de exercicios por escrito que se axustará, para cada especialidade, ao disposto no anexo IV desta orde, e que permitirá comprobar que o persoal aspirante posúe a formación científica e o dominio das habilidades técnicas correspondentes á especialidade á que se opte. O tempo asignado para realización desta proba será establecido polos tribunais.
PARTE B:
Consistirá no desenvolvemento por escrito dun tema elixido polo aspirante de entre dous temas dos temarios que compoñen o temario oficial de cada especialidade, extraídos ao chou polo tribunal.
Os aspirantes disporán de dúas horas para a realización desta parte da primeira proba.
No suposto de que a primeira parte da proba se realice por escrito procederase a súa lectura conxunta coa segunda e a cualificación de cada parte realizarase por separado. O tribunal poderá informar, se é o caso, no acto de presentación que o persoal aspirante poderá optar pola renuncia á lectura pública do exercicio.
CUALIFICACIÓN DA PRIMEIRA PROBA
A primeira parte e a segunda parte da proba cualificaranse de 0 a 10 puntos, ponderándose do seguinte xeito:
– Parte A: A cualificación ponderada desta parte calcularase multiplicando por 0,6 a cualificación obtida.
– Parte B: A cualificación ponderada desta parte calcularase multiplicando por 0,4 a cualificación obtida.
Para superar esta proba o persoal aspirante deberá obter unha puntuación de polo menos o 25 por 100 do valor de cada unha das partes da proba e unha puntuación total, resultado de sumar as puntuacións ponderadas correspondentes ás dúas partes, igual ou superior a 5 puntos.
SEGUNDA PROBA NAS ESPECIALIDADES DE EDUCACIÓN INFANTIL, LINGUA ESTRANXEIRA: INGLÉS, MÚSICA, EDUCACIÓN FÍSICA E EDUCACIÓN PRIMARIA. PROBA DE APTITUDE PEDAGÓXICA.
O persoal aspirante que superou a primeira proba realizará esta segunda proba que terá por obxecto a comprobación da aptitude pedagóxica do persoal aspirante e do seu dominio das técnicas necesarias para o exercicio docente. A proba componse de dúas partes:
PARTE A: PRESENTACIÓN E DEFENSA DUNHA PROGRAMACIÓN DIDÁCTICA
A programación didáctica fará referencia ao currículo dunha área relacionado coa especialidade por que se participa, na cal deberán especificarse, no caso de educación infantil, os obxectivos, contidos, criterios de avaliación e metodoloxía, así como a atención do alumnado con necesidades específicas de apoio educativo, e nas restantes especialidades os obxectivos, as competencias, os contidos, a metodoloxía didáctica, os estándares e resultados de aprendizaxe avaliables, os criterios de avaliación, así como a atención do alumnado con necesidades específicas de apoio educativo. Esta programación corresponderase cun curso escolar da etapa educativa en que o profesorado da especialidade teña atribuída competencia docente para impartilo, elixido pola persoa candidata, e deberá organizarse en unidades didácticas de tal maneira que cada unha delas se poida desenvolver completamente no tempo asignado para a súa exposición; en calquera caso, unha programación para un curso escolar deberá conter, como mínimo, 15 unidades didácticas que deberán estar enumeradas, e terá, sen incluír anexos, unha extensión máxima de 60 folios, formato DIN-A4, escritos a unha soa cara e dobre espazo interlineal, con letra tipo arial, sen comprimir, tamaño de 12 puntos.
Na extensión máxima de 60 folios non se computará a portada nin a contraportada. Si se computará o índice.
Resultarán excluídos do procedemento selectivo aqueles aspirantes cuxa programación non se axuste ao establecido nos parágrafos anteriores. En ningún caso poderá excluírse ás persoas aspirantes por deficiencias no contido da programación.
As programacións versarán sobre os currículos aprobados polo Decreto 105/2014, do 4 de setembro, polo que se establece o currículo da educación primaria na Comunidade Autónoma de Galicia e para a especialidade de Educación Infantil, o Decreto 330/2009, do 4 de xuño, polo que se establece o currículo da educación infantil na Comunidade Autónoma de Galicia.
A programación deberá entregarse ao tribunal polo persoal aspirante que supere a primeira proba no centro no que están actuando, no prazo que estableza o tribunal ao publicar as cualificacións da primeira proba.
PARTE B. PREPARACIÓN E EXPOSICIÓN ORAL DUNHA UNIDADE DIDÁCTICA ANTE O TRIBUNAL
A parte B da proba consistirá na preparación e exposición oral dunha unidade didáctica. A preparación e exposición oral, ante o tribunal, dunha unidade didáctica poderá estar relacionada coa programación presentada polo aspirante ou elaborada a partir do temario oficial da especialidade. No primeiro caso, o aspirante elixirá o contido da unidade didáctica de entre tres extraídas ao chou por el mesmo, da súa programación. No segundo caso, o aspirante elixirá o contido dunha unidade didáctica dun tema de entre tres extraídos ao chou por el mesmo, do temario oficial da especialidade. Na elaboración da citada unidade didáctica deberán concretarse os obxectivos de aprendizaxe que perseguen con ela, as competencias, os seus contidos, os estándares e resultados de aprendizaxe avaliables e as actividades de ensinanza e aprendizaxe que se van a formular na aula.
O persoal aspirante disporá dunha hora para a preparación da unidade didáctica, e poderá utilizar o material que considere oportuno, sen posibilidade de conexión co exterior, polo que o material que vaia a utilizar non poderá ser susceptible de dita conexión (ordenadores portátiles, teléfonos móbiles, etc.)
Para a exposición, o persoal aspirante poderá utilizar o material auxiliar que considere oportuno e que deberá aportar el mesmo, sempre que sexa aprobado polo tribunal, así como un guión que non excederá dun folio e que se entregará ao tribunal ao final da mesma.
O persoal aspirante disporá dun tempo máximo dunha hora para a defensa oral da programación, a exposición da unidade didáctica e posterior debate ante o tribunal. O persoal aspirante iniciará a súa exposición coa defensa da programación didáctica presentada, que non poderá exceder de vinte minutos, e a continuación realizará a exposición da unidade didáctica, que non excederá de trinta minutos. A duración do debate, se é o caso, non poderá exceder de dez minutos.
SEGUNDA PROBA NAS ESPECIALIDADES DE PEDAGOXÍA TERAPÉUTICA E AUDICIÓN E LINGUAXE. PROBA DE APTITUDE PEDAGÓXICA
No caso de pedagoxía terapéutica e audición e linguaxe, esta segunda proba terá por obxecto a comprobación da aptitude pedagóxica do persoal aspirante e o seu dominio das técnicas necesarias para o exercicio da súa función de asesoramento e orientación educativa. Consistirá na presentación dun plan de apoio para o alumnado con necesidades educativas específicas e na elaboración e exposición oral dun programa de intervención.
Parte A: O plan de apoio para o alumnado con necesidades educativas específicas deberá conter, como mínimo, seis programas de intervención e basearse na normativa vixente e nas necesidades do alumnado, do centro e do contexto, e contemplará obxectivos, contidos, actividades, estratexias metodolóxicas, recursos materiais, humanos e organizativos, temporalización das accións, avaliación e propostas. Neste plan deberá prestarse especial relevancia á actuación do persoal aspirante como profesor de apoio.
O plan de apoio para o alumnado con necesidades educativas específicas que terá as mesmas características establecidas para a programación didáctica, deberá entregarse ao tribunal por aqueles que superen a primeira proba, no centro no que están actuando e no prazo que estableza o tribunal ao publicar as cualificacións daqueles que superaron a citada proba.
Parte B: Elaboración diante do tribunal e exposición oral dun programa de intervención relacionado co plan de apoio para o alumnado con necesidades educativas específicas presentado polo persoal aspirante, ou elaborado a partir do temario oficial da especialidade. No primeiro caso, o persoal aspirante elixirá ao chou un programa de intervención con alumnado con necesidade educativas especificas (alumnado estranxeiro, con sobredotación intelectual ou con necesidades educativas especiais). No segundo caso, o aspirante elixirá o contido do programa de intervención dun tema de entre tres elixidos ao chou por el mesmo, do temario oficial da especialidade.
O persoal aspirante disporá dunha hora para a preparación do programa de intervención e poderá utilizar o material que estime oportuno.
Para a exposición, o persoal aspirante poderá utilizar un guión que non excederá dun folio e que entregará ao tribunal unha vez rematada a súa exposición.
O persoal aspirante disporá dun período máximo dunha hora para a defensa do plan de apoio para o alumnado con necesidades educativas específicas, a exposición do programa de intervención e posterior debate diante do tribunal. O persoal aspirante iniciará a súa exposición coa defensa do plan de apoio para o alumnado con necesidades educativas específicas, que non poderá exceder de vinte minutos, e a continuación realizará a exposición do programa de intervención, que non excederá de trinta minutos. A duración do debate, se é o caso, non poderá exceder de dez minutos.
CUALIFICACIÓN DA SEGUNDA PROBA
Esta segunda proba valorarase globalmente de cero a dez puntos, debendo alcanzar o persoal aspirante, para a súa superación, unha puntuación igual ou superior a cinco puntos.
CUALIFICACIÓNS DA FASE DE OPOSICIÓN.
A cualificación correspondente a esta fase de oposición será a media aritmética das puntuacións obtidas nas dúas probas que integran a mesma cando ambas fosen superadas.
Cualificación do tribunal
A cualificación de cada parte da proba correspondente á fase de oposición será a media aritmética das puntuacións de todos os membros presentes no tribunal, debendo calculalas con aproximación de ata dez milésimas, para evitar no posible que se produzan empates. Cando entre as puntuacións outorgadas polos membros do tribunal exista unha diferenza de tres ou máis enteiros serán automaticamente excluídas as cualificacións máxima e mínima, calculándose a puntuación media entre as cualificacións restantes. No caso de empate entre cualificacións máximas ou mínimas, unicamente será excluída unha delas.
ACCESO Á FASE DE CONCURSO
A cualificación final da fase de oposición expresarase en números de cero a dez, sendo necesario obter, polo menos, cinco puntos para poder acceder á fase de concurso.
O número de aspirantes que acceda á fase de concurso poderá ser superior ao número de prazas convocadas.
As cualificacións das probas expresaranse en números de cero a dez. Nelas será necesario obter unha puntuación igual ou superior a cinco puntos para poder acceder á proba seguinte ou, no caso da última proba, para proceder á valoración da fase de concurso.
FASE DE CONCURSO
Na fase de concurso valoraranse, os méritos dos aspirantes; entre outros figurarán a formación académica e a experiencia docente previa.
A cualificación da fase de concurso aplicarase unicamente aos aspirantes que superen a fase de oposición.
Presentación de méritos ante o tribunal
Nesta fase, que en ningún caso terá carácter eliminatorio, valoraranse os méritos que concorran no persoal aspirante ata finalizar o prazo de presentación de solicitudes conforme o baremo que se inclúe na convocatoria.
A alegación dos méritos deberá efectuarse pola internet a través da páxina web da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, no enderezo http://www.edu.xunta.es/oposicions, e debe imprimirse o documento que relaciona os méritos.
A documentación acreditativa dos méritos alegados, na forma que se establece no anexo I e II desta orde, só deberá presentala ante o propio tribunal o persoal aspirante a ingreso no corpo de mestres que supere a primeira proba, no prazo que estableza o propio tribunal ao publicar no taboleiro de anuncios da sede de actuación, a resolución que faga pública a relación do persoal aspirante que superou a primeira parte da proba ou a primeira proba. A documentación acreditativa achegarase xunto cunha relación dos méritos alegados nos modelos que poderán cubrirse e imprimirse a través da aplicación informática, no enderezo http://www.edu.xunta.es/oposicions Independentemente da data de presentación ante o tribunal da citada documentación, todos os méritos alegados deben posuírse con anterioridade a data de final do prazo de presentación de solicitudes.
A documentación acreditativa dos méritos de cada aspirante quedará baixo a custodia da presidencia do tribunal, que a entregará á Dirección xeral de Centros e Recursos Humanos, unha vez finalizado o procedemento selectivo, xunto co expediente administrativo.
SISTEMA DE CUALIFICACIÓN.
A cualificación correspondente á fase de oposición será a media aritmética das puntuacións obtidas nas probas integrantes desta fase, cando todas elas sexan superadas.
A ponderación das puntuacións das fases de oposición e concurso para formar a puntuación global será de DOUS TERZOS PARA A FASE DE OPOSICIÓN E DUN TERZO PARA A FASE DE CONCURSO.
EXERCICIOS PRÁCTICOS
O exercicio práctico ao que fai referencia a base 11.3 da presente orde de convocatoria versará sobre un ou varios dos aspectos seguintes:
EDUCACIÓN INFANTIL
– Etapas mais significativas no desenvolvemento do neno de 0 a 6 anos.
– Correntes pedagóxicas e psicolóxicas e influencia na educación infantil.
– Conceptos básicos que debe dominar o neno previos á lecto-escritura.
– Metodoloxía sobre a prelectura e a preescritura.
– Resolución ou fundamentación teórica dun caso práctico proposto pólo tribunal.
LINGUA ESTRANXEIRA: INGLÉS
Versará sobre a lectura comprensiva dun texto neste idioma con preguntas e respostas por escrito referidas ao texto.
EDUCACIÓN FÍSICA
Incluirá:
– Resolución dun ou varios supostos prácticos elaborados polo tribunal. Estes supostos versarán sobre os temas da parte A do
temario e/ou sobre os bloques dos contidos da educación física na educación primaria.
MÚSICA
Constará de dúas partes:
a) Escrita, que deberá incluír:
– Composición dunha peza vocal e instrumental para utilizar na aula, sobre un texto dado polo tribunal.
-Composición libre dunha peza musical, xustificando a súa adaptación ao estado madurativo dos alumnos.
– Análise dun fragmento musical de tipo folclórico.
b) De interpretación:
– Lectura dun fragmento musical seleccionado polo tribunal.
– Interpretación, coa voz ou cun instrumento achegado polo opositor, dun fragmento musical sobre unha partitura
seleccionada polo tribunal.
PEDAGOXÍA TERAPÉUTICA
– Organización da atención á diversidade nun centro ordinario que escolariza alumnado con necesidades educativas
especiais.
– Características fundamentais do proxecto educativo dun centro específico de educación especial.
– Criterios básicos para a elaboración de adaptacións curriculares significativas e ampliación e desenvolvemento das mesmas.
– Competencias do profesorado de apoio (alumnado NEAE, aula, centro e familias)
– Resolución ou fundamentación teórica dun caso práctico proposto polo tribunal.
AUDICIÓN E LINGUAXE
– Organización da atención á diversidade nun centro ordinario que escolariza alumnado con necesidades educativas
especiais.
– Características fundamentais do proxecto educativo dun centro específico de educación especial.
– Criterios básicos para a elaboración de adaptacións curriculares significativas e ampliación e desenvolvemento das mesmas.
– Competencias do profesorado de apoio (alumnado NEAE, aula, centro e familias)
– Bases anatómicas, fisiolóxicas e neurolóxicas da linguaxe.
– A estimulación precoz na adquisición e desenvolvemento da linguaxe. CONSELLERÍA DE CULTURA, EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA PÁX. 55
– Sistemas aumentativos e alternativos de comunicación.
– Resolución ou fundamentación teórica dun caso práctico proposto polo tribunal.
EDUCACIÓN PRIMARIA
– Diferentes aspectos das programacións didácticas de educación primaria e a súa aplicación na aula.
– Titoría, orientación e medidas de atención á diversidade.
– Incorporación das TIC na programación didáctica da aula para fomentar o desenvolvemento da competencia
dixital.
– Proxecto lector de centro: actuacións para a biblioteca de centro, biblioteca de aula, propostas de animación a
lectura, fomento da escritura.
INCLUSIÓN NA LISTA DE INTERINOS
Accederán ás listas de interinos ou substitutos, ademais daqueles aspirantes que superen a primeira proba, aqueles aspirantes que para cada especialidade posúan unha das titulacións que a continuación se relaciona e que deberán aportar xunto coa solicitude.
Especialidades Titulación
EDUCACIÓN INFANTIL
Título de graduado ou graduada que habilite para o exercicio da profesión regulada de mestre en Educación Infantil.
Mestra/mestre, especialidade de Educación Infantil. (R.D. 1440/1991)
Diplomado/a en profesorado de Educación Xeral Básica, especialidade Preescolar.
Especialidade en Educación Preescolar ou en Pedagoxía Preescolar das licenciaturas de Filosofía e Letras (sección Ciencias da Educación) ou de
Filosofía e Ciencias da Educación (Sección Ciencias da Educación).
EDUCACIÓN PRIMARIA
Título de graduado ou graduada que habilite para o exercicio da profesión regulada de mestre en Educación Primaria.
Mestre/a especialidade de Educación Primaria (R.D. 1440/1991).
Mestre/a (R.D. 1440/1991) en calquera das súas especialidades.
Diplomado/a en profesorado de Educación Xeral Básica en calquera das súas especialidades.
Mestre/a de primeira ensinanza (plan de estudos de 1967).
Mestre/a de Ensinanza Primaria (plan de estudos de 1950).
Música Título de graduado ou graduada que habilite para o exercicio da profesión regulada de mestre en Educación Primaria, que inclúa unha mención en música.
MESTRE/A ESPECIALIDADE DE EDUCACIÓN MUSICAL (R.D. 1440/1991).
Título superior de música da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, ou da Lei 1/1990, do 3 de outubro, ou titulacións declaradas equivalentes para os efectos de docencia.
Licenciado/a en Musicoloxía ou en Historia e Ciencia da Música.
Título profesional de música da Lei Orgánica 1/1990 ou da Lei orgánica 2/2006.
EDUCACIÓN FÍSICA
Título de graduado ou graduada que habilite para o exercicio da profesión regulada de mestre en Educación Primaria, que inclúa unha mención en Educación Física.
Título de graduado ou graduada no ámbito da Actividade Física e do Deporte.
Mestre/a especialista de Educación Física (R.D.1440/1991).
Licenciado/a en Educación Física.
Diplomado/a en Educación Física.
LINGUA ESTRANXEIRA: INGLÉS
Título de graduado ou graduada que habilite para o exercicio da profesión regulada de mestre en Educación Primaria, que inclúa unha mención en lingua estranxeira:inglés.
Títulos de graduado ou graduada no ámbito dunha lingua estranxeira no idioma inglés.
Mestre/a especialidade de lingua estranxeira inglés (R.D. 1440/1991).
Diplomado/a en Profesorado de Educación Xeral Básica especialidade de Filoloxía inglesa.
Certificado de nivel avanzado ou certificado de aptitude da Escola Oficial de Idiomas, no idioma inglés..
Licenciado/a en Filoloxía inglesa.
Diplomado/a polas Escolas Universitarias de Idiomas (tradutores e intérpretes) no idioma inglés.
PEDAGOXÍA TERAPÉUTICA
Título de graduado ou graduada que habilite para o exercicio da profesión de mestre en educación primaria, que inclúa unha mención en pedagoxía terapéutica, en educación especial ou en atención á diversidade.
Mestre/a, especialidade de educación especial (R.D.1440/1991)
Diplomado/a en profesorado de Educación Xeral Básica, especialidade de Educación Especial.
Licenciado/a en Psicopedagoxía.
Licenciado/a en Filosofía e Letras, sección de Pedagoxía, subsección de Educación Especial.
AUDICIÓN E LINGUAXE
Título de graduado ou graduada que habilite para o exercicio da profesión regulada de mestre en educación primaria, que inclúa unha mención en audición e linguaxe.
Mestre/a, especialidade en audición e linguaxe (R.D. 144071991).
Diplomado/a en Logopedia.
Título de Graduado ou Graduada que habilite para o exercicio da profesión regulada de Logopedia.