Guía do que hai que facer unha vez aprobada a oposición

| Actualidade | ,

Se obtiveches praza nas recentes oposicións de Educación o primeiro que hai que facer…

É CELEBRALO!!!!!! (con sentidiño acorde aos tempos que nos toca vivir)

Pero logo hai unha serie de trámites que é moi importante que fagas.

Tomando como referencia o establecido na páxina da CIG Ensino contámosche cales son estes trámites.

PARTICIPAR NO CADP.

Terás dous días hábiles desde o seguinte ao que o tribunal publique a relación de aprobados no concurso oposición para participar no CADP. Precisarás ter chave365, dni electrónico ou certificado dixital para poder presentar a instancia na sede electrónica.

NOTA: Se es do corpo de Mestras pode serche útil, á hora de ordear as túas preferencias de centros, consultar o documento elaborado pola CIG Ensino cos cadros de persoal de educación infantil, educación primaria e educación especial coa identificación do tipo de xornada e a especial dificultade. Ligazón

 

PRESENTAR DOCUMENTACIÓN NA DIRECCIÓN XERAL DE CENTROS E RECURSOS HUMANOS.

No prazo de 20 días hábiles desde a publicación no DOG dos aprobados, deberás presentar en RRHH a seguinte documentación:

a) Certificado médico. Chega co certificado impreso polo SERGAS, non é necesario o da FNMT (o dos estancos)
b) Declaración responsábel.  Ligazón ao Anexo VI, modelo de declaración responsábelLigazón a outro modelo de declaración responsábel.
c) Certificado de non ter antecedentes por delitos sexuais (só no caso de ter denegado expresamente a consulta de datos do Rexistro Central de Delincuentes Sexuais cando te matriculaches para as oposicións). Ligazón

Esta documentación podes enviala a través da sede electrónica cunha solicitude xenérica dirixida á Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos.

 

TOMAR POSESIÓN DO DESTINO ADXUDICADO NO CADP.

Faise no centro no que obteñas destino. A data da toma de posesión será o 1 de setembro no corpo de mestres e na data fixada para o inicio da impartición efectiva das clases nos restantes corpos, este ano o 15 de setembro. Desde o centro remitirán a documentación á Xefatura Territorial correspondente.

 

DARTE DE ALTA EN MUFACE.

Unha vez que recibas o nomeamento como funcionario en prácticas tes que pasar pola sede provincial de MUFACE para causar alta como mutualista e elixir a entidade médica (SERGAS, entidade privada). Cada ano, no mes de xaneiro e xuño poderás cambiar de entidade.

 

+info: https://www.cig-ensino.gal/nova/aprobaches-as-oposicions-pois-hai-cousas-que-debes-saber.html