Aprazadas as oposicións de Educación en Galicia.

As probas da oferta pública de emprego docente 2020 aprázanse ao vindeiro ano 2021 coa blindaxe das prazas ofertadas para os actuais opositores. Así o anunciou a conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional hoxe na súa comparecencia ante a Deputación Permanente do Parlamento de Galicia para informar das medidas adoptadas polo seu departamento ante a situación motivada pola pandemia do COVID-19.

 

En palabras da Conselleira «Mantivemos a celebración das probas mentres era posible cumprir os prazos precisos para o procedemento administrativo e coa confianza en recibir por parte do Goberno central informacións que achegasen certezas”, sinalou Carmen Pomar. “A realidade é que a día de hoxe seguimos sen ter datos epidemiolóxicos por territorios que nos ofrezan unha perspectiva clara de como vai ser a volta á nova normalidade e das actividades que se poderán desenvolver e en que condicións”,

 

Segundo informou Pomar, este aprazamento leva consigo a blindaxe das prazas ofertadas, xa que en canto se levante a suspensión dos prazos administrativos derivada do Estado de Alarma,  activarase a inscrición nas probas de xeito que os actuais aspirantes sexan os que opten ás prazas ofertadas na presente convocatoria. “Blindamos desta maneira a celebración da OPE docente de Galicia do ano 2020 ante eventuais cambios de criterio dun Goberno central condicionado por unha situación económica adversa e que xa está a anunciar posibles recortes”, incidiu.

 

+Info: https://www.edu.xunta.gal/portal/node/30885?fbclid=IwAR3cbalFTH4gE0H92969pIB4mAnhjQZOjpxCDbXGF2ruASktxEuzqDDRzuM

Scroll al inicio