Aprazadas as oposicións de Educación en Galicia.

| Actualidade | ,

As probas da oferta pública de emprego docente 2020 aprázanse ao vindeiro ano 2021 coa blindaxe das prazas ofertadas para os actuais opositores. Así o anunciou a conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional hoxe na súa comparecencia ante a Deputación Permanente do Parlamento de Galicia para informar das medidas adoptadas polo seu departamento ante a situación motivada pola pandemia do COVID-19.

 

En palabras da Conselleira “Mantivemos a celebración das probas mentres era posible cumprir os prazos precisos para o procedemento administrativo e coa confianza en recibir por parte do Goberno central informacións que achegasen certezas”, sinalou Carmen Pomar. “A realidade é que a día de hoxe seguimos sen ter datos epidemiolóxicos por territorios que nos ofrezan unha perspectiva clara de como vai ser a volta á nova normalidade e das actividades que se poderán desenvolver e en que condicións”,

 

Segundo informou Pomar, este aprazamento leva consigo a blindaxe das prazas ofertadas, xa que en canto se levante a suspensión dos prazos administrativos derivada do Estado de Alarma,  activarase a inscrición nas probas de xeito que os actuais aspirantes sexan os que opten ás prazas ofertadas na presente convocatoria. “Blindamos desta maneira a celebración da OPE docente de Galicia do ano 2020 ante eventuais cambios de criterio dun Goberno central condicionado por unha situación económica adversa e que xa está a anunciar posibles recortes”, incidiu.

 

+Info: https://www.edu.xunta.gal/portal/node/30885?fbclid=IwAR3cbalFTH4gE0H92969pIB4mAnhjQZOjpxCDbXGF2ruASktxEuzqDDRzuM