Para ser admitidos/as á realización das probas, os/as aspirantes, deberán posuír, na data de remate do prazo de presentación de solicitudes prevista en cada convocatoria, os seguintes requisitos:
a) Ser maior de idade.
b) Ter a nacionalidade española ou dalgún dos países que integran a Unión Europea, ou estar en posesión do permiso de residencia e traballo correspondentes.
c) Carecer de antecedentes penais.
d) Ter coñecementos básicos das linguas oficiais de Galicia para poder atender ao público en calquera delas.
Para obter o certificado acreditativo, será necesario superar as seguintes probas que se realizaran na mesma sesión:
1.PROBA DE COÑECEMENTOS. A primeira das probas consistirá en contestar a un cuestionario de cincuenta (50) preguntas tipo test, máis cinco (5) de reserva, que versarán sobre as materias relacionadas coas funcións propias da súa actividade, consonte o programa que figura a continuación:
1. Constitución española de 1978: dereitos e deberes fundamentais da persoa.
2. Normativa básica do dereito de admisión.
3. Normativa básica sobre follas de reclamacións.
4. Nocións básicas sobre a posesión de armas nos locais de pública concorrencia.
5. Normativa sobre horarios de establecementos públicos.
6. Normativa sobre menores de idade e limitacións á oferta de bebidas alcohólicas e tabaco.
7. Nocións básicas sobre medidas de seguridade nos establecementos de pública concorrencia: plans de seguridade, seguridade contra incendios, saídas de emerxencia e evacuación.
8. Conceptos básicos de primeiros auxilios para atender situacións de asistencia sanitaria inmediata.
9. Criterios de actuación en situacións de perigo para as persoas. A interactuación persoal para previr situacións de riscos específicos e os diferentes tipos de comportamentos das persoas noutras situacións previsibles.
Para cada cuestión, proporanse catro despostas alternativas, sendo só unha delas a correcta. Cada resposta errónea penalizarase descontando un terzo do valor asignado a unha contestación correcta. Na mesma proba, realizarase un exercicio de tradución dun texto do galego ao castelán, como cumprimento do requisito de coñecementos básicos dos idiomas oficiais na Comunidade Autónoma de Galicia, que terá carácter voluntario para todos/as aqueles/ as aspirantes, que coa solicitude xa entregasen a documentación precisa para comprobar os ditos coñecementos.
O tempo máximo para a realización deste ejercicio será de sesenta (60) minutos.
2. PROBA PSICOLÓXICA. Finalizada a proba de coñecementos, e na mesma sesión, terá lugar a segunda proba, consistente na realización dun test psicolóxico. O tempo para a realización desta proba será o estritamente necesario para o seu desenvolvemento.
Establécese como lugar de realización destas probas a sede da Agasp (avenida da Cultura, s/n, A Estrada, Pontevedra).
Cada unha das probas cualificarase como apto ou non apto. Para obter a habilitación deberá obterse a cualificación de apto nas dúas probas.