Compromiso
Educación>Primaria

Primaria

REFERENTES LEGAIS SOBRE ESTA CUESTIÓN

ESTADO.

Real Decreto 276/2007, do 23 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento de ingreso, accesos e adquisición de novas especialidades nos corpos docentes a que se refire a Lei Orgánica 2/2006, de 3 de maio, de Educación, e se regula o réxime transitorio de ingreso a que se refire a disposición transitoria decimo sétima da citada lei. (BOE 2 de marzo de 2007)

GALICIA.

Orde do 8 de abril de 2011 pola que se convocan procedementos selectivos de ingreso e acceso ao corpo de profesores de artes plásticas e deseño e de mestres e procedemento de adquisición de novas especialidades polo persoal funcionario de carreira dos anteditos corpos da Comunidade Autónoma de Galicia.(DOG 11 abril 2011)
 

REQUISITOS QUE HAI QUE REUNIR PARA PODER PRESENTARSE ÁS OPOSICIÓNS DO CORPO DE MESTRES

Requisitos

a) Ser do Estado Español ou dalgún dos demais Estados membros da Unión Europea, ou nacional dalgún Estado ao cal lle sexa de aplicación a Directiva 2004/38/CE do Parlamento Europeo.

b) Ter cumpridos os dezaoito anos.

c) Estar en posesión das titulacións que se especifican:

Título de mestre ou o título de grao correspondente.

Título de profesor de educación xeral básica.

Título de mestre de ensino primario.

d) Non padecer enfermidade nin estar afectado por limitación física ou psíquica incompatible co desempeño das funcións correspondentes ao corpo e especialidade a que se opta.

e) Non ter sido separado, mediante expediente disciplinario, do servizo de calquera das administracións públicas, nin estar inhabilitado para o desempeño de funcións públicas.

f) Non ser funcionario de carreira, do corpo de mestres, en prácticas ou estar pendente do correspondente nomeamento como funcionario de carreira do corpo de mestres.

ACREDITACIÓN DO COÑECEMENTO DA LINGUA GALEGA

Proba de acreditación de coñecemento da lingua galega.

A acreditación do coñecemento da lingua galega realizarase coa presentación do certificado de coñecemento da lingua galega (Celga 4), ou da súa validación, do curso de perfeccionamento en lingua galega ou a súa validación, feita pola secretaría xeral ou órgano competente, o título de licenciado en filoloxía galego-portuguesa, o certificado de ter o curso de especialización en lingua galega ou ter superada a proba na convocatoria no ano 2007 efectuada por esta Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

As persoas que non poidan acreditar o coñecemento do galego da forma prevista no punto anterior deberán acreditalo mediante a realización dunha proba.

Esta proba, que se levará a cabo de forma escrita, na data que fixe a Secretaría Xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, consistirá na resposta a varias cuestións sobre o temario de lingua galega que figura como anexo IV e nunha tradución do castelán ao galego.

Os tribunais valorarán esta proba como apto ou non-apto. Quedarán excluídas do procedemento selectivo as persoas cualificadas con non-aptas.

IDIOMAS MODERNOS

Todas as probas correspondentes ás especialidades de idiomas modernos desenvolveranse no idioma correspondente.

PROCESO SELECTIVO

Sistema selectivo.

O sistema de ingreso na función pública docente será o de concurso-oposición.

FASE DE CONCURSO (40 % DO CONCURSO OPOSICION)

Nesta fase, que en ningún caso terá carácter eliminatorio, valoraranse os méritos que concorran nos aspirantes.

Esta valoración será efectuada en nome dos tribunais por unha comisión integrada por funcionarios ou persoal laboral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Puntuación provisional.

A puntuación provisional da fase de concurso, será publicada na Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, nas súas delegacións provinciais e no enderezo da internet http://www.edu.xunta.es.

FASE DE OPOSICION (PROBA) (60 % DO CONCURSO OPOSICION)

A fase de oposición versará sobre os contidos da especialidade a que se opta, a aptitude pedagóxica e o dominio das técnicas necesarias para o exercicio da docencia.

A fase de oposición constará de unha única proba estruturada en dúas partes, que non terán carácter eliminatorio. O tribunal só fará pública a nota final e global da proba.

A proba e as súas partes realizaranse pola seguinte orde e axustaranse ao que, así mesmo, se indica:

PARTE A.

Terá por obxecto a demostración dos coñecementos específicos necesarios para impartir docencia. Consistirá no desenvolvemento por escrito dun tema elixido polo aspirante, de entre tres.

Esta primeira parte cualificarase de cero a dez puntos

PARTE B.

Terá por obxecto a comprobación da aptitude pedagóxica do aspirante e o seu dominio das técnicas necesarias para o exercicio docente. Consistirá na presentación dunha programación didáctica e na preparación e exposición oral dunha unidade didáctica.

B.1) PRESENTACIÓN DUNHA PROGRAMACIÓN DIDÁCTICA.

A programación didáctica fará referencia ao currículo dunha materia ou módulo relacionado coa especialidade pola que se participa, na cal deberán especificarse os obxectivos, contidos, criterios de avaliación e metodoloxía, así como a atención do alumnado con necesidades específicas de apoio educativo.

Esta programación corresponderase cun curso escolar da etapa educativa en que o profesorado da especialidade teña atribuída competencia docente para impartilo, elixido polo candidato, e deberá organizarse en unidades didácticas de tal maneira que cada unha delas se poida desenvolver completamente no tempo asignado para a súa exposición; en calquera caso, unha programación para un curso escolar deberá conter, como mínimo, 15 unidades didácticas que deberán estar enumeradas, e terá, sen incluír anexos, unha extensión máxima de 60 folios, formato DIN-A4, escritos a unha soa cara e dobre espazo interlineal, con letra tipo arial, tamaño de 12 puntos.

As programacións versarán sobre os currículos publicados no Diario Oficial de Galicia no momento da publicación da convocatoria.

Terá por obxecto a demostración dos coñecementos específicos necesarios para impartir a docencia. En especialidades de idiomas modernos, a programación redactarase integramente no idioma correspondente.

No caso de pedagoxía terapéutica e audición e linguaxe, esta B.1) terá por obxecto a comprobación da aptitude pedagóxica do aspirante e o dominio das técnicas necesarias para o exercicio da súa función de asesoramento e orientación educativa. Consistirá na presentación dun plan de apoio para o alumnado con necesidades educativas específicas que deberá conter, como mínimo, seis programas de intervención. Este plan de apoio deberá basearse na normativa vixente e nas necesidades do alumnado, do centro e do contexto, e establecerá obxectivos, contidos, actividades, estratexias metodolóxicas, recursos materiais, humanos e organizativos, temporalización de accións, avaliación e propostas. Neste plan deberá prestarse especial relevancia á actuación do candidato como profesor de apoio.

A programación ou, se é o caso, o plan de apoio, deberá entregarse ao tribunal no acto de presentación, e defenderase ante este no momento en que se convoque o persoal aspirante a tal efecto. A defensa da programación ou o plan de apoio terá unha duración máxima de vinte minutos. O persoal aspirante empregará para a defensa unha copia da programación ou do plan de apoio entregado ao tribunal.

B.2) PREPARACIÓN, EXPOSICIÓN E DEFENSA DUNHA UNIDADE DIDÁCTICA

O persoal aspirante elixirá unha unidade didáctica de entre tres extraídas ao chou por el mesmo da súa programación. Na elaboración da unidade didáctica deberán concretarse os obxectivos de aprendizaxe que se perseguen con ela, os seus contidos, as actividades de ensino e aprendizaxe que se van formular na aula, os seus procedementos de avaliación e a atención ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo.

No suposto das especialidades de pedagoxía terapéutica e audición e linguaxe, esta parte da proba consistirá na elaboración e exposición oral dun programa de intervención de entre tres extraídos ao chou por el mesmo do seu plan de apoio para o alumnado con necesidades educativas específicas.

O persoal aspirante disporá dunha hora para a preparación da unidade didáctica ou do programa

de intervención, e poderá empregar o material que considere oportuno.

A exposición da unidade didáctica ou do programa de intervención terá unha duración máxima de 30 minutos. O persoal aspirante poderá empregar o material auxiliar que sirva de apoio e que considere oportuno, así como un guión que non excederá dun folio e que entregará ao tribunal ao rematar aquela.

INFORME SUBSTITUTIVO DO EXERCICIO B.2 (preparación, exposición e defensa da unidade didáctica por un informe).

A preparación, exposición e defensa da unidade didáctica ou programa de intervención (exercicio B.2) poderá ser substituída, por pedimento do interesado, por un informe que valore os seus coñecementos acerca da unidade didáctica. No dito informe que, de conformidade coas funcións atribuídas aos órganos de selección, será xulgado, valorado e cualificado polo tribunal correspondente, deberá acreditarse, polo menos, a concreción dos obxectivos de aprendizaxe que se perseguiron na unidade didáctica, os seus contidos, as actividades de ensino e aprendizaxe que se formulan na aula e os procedementos de avaliación.

Poderán optar polo informe aqueles funcionarios interinos que reúnan os seguintes requisitos:

a) Atoparse na situación administrativa de servizo activo como persoal interino docente, o día da publicación da presente orde. A estes efectos entenderase que tamén cumpre este requisito o persoal que non está prestando servizos neste curso académico, por acollerse a esta situación por causas que dan lugar á concesión de servizos especiais ou excedencia por coidado de fillo ou familiar.

b) Estar ocupando unha praza con nomeamento de interino emitido pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para todo o curso académico. Para estes efectos, entenderase que cumpre este requisito quen prestou servizos, polo menos, durante seis meses neste curso na data de finalización do prazo de presentación de solicitude para participar no presente procedemento selectivo.

A unidade didáctica ou programa de intervención, que deberán presentar constará dun máximo de 10 folios, incluídos os anexos, e coas características que se esixen para a programación didáctica.

O persoal interino que solicite participar no presente procedemento e estea en servizo activo noutras administracións educativas distintas á de Galicia terá que solicitar a emisión do informe á súa Administración de orixe, a cal, no suposto de que o dito persoal reúna os requisitos que establece para a súa emisión esta convocatoria, llo remitirá á Secretaría Xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

CUALIFICACIÓNS

Cada un dos exercicios da parte B valoraranse de 0 a 10 puntos.

A cualificación correspondente á fase de oposición será a media aritmética das puntuacións de todos os membros presentes no tribunal, debendo calculalas con aproximación de ata dez milésimas, para evitar no posible que se produzan empates. Cando entre as puntuacións outorgadas polos membros do tribunal exista unha diferenza de tres ou máis enteiros serán automaticamente excluídas as cualificacións máxima e mínima, calculándose a puntuación media entre as cualificacións restantes.

CUALIFICACIÓN FINAL DA PROBA.

Para efectos de obter a cualificación final da proba, o peso de cada un dos exercicios será o seguinte:

Parte A: 4 puntos.

Parte B.1): 3 puntos.

Parte B.2): 3 puntos.

Publicación diaria das puntuacións da proba.

Todos os tribunais publicarán diariamente a cualificación final e global alcanzada polos aspirantes que actuasen ante el ese día realizando a proba B.2)

ACCESO Á FASE DE CONCURSO.

A cualificación final da proba expresarase en números de cero a dez, sendo necesario obter, polo menos, cinco puntos para poder acceder á fase de concurso.

O número de aspirantes que acceda á fase de concurso poderá ser superior ao número de prazas convocadas.

TEMARIOS

Os temarios vixentes para os procesos selectivos convocados a partir do 1 de xaneiro de 2012 son os:
Temarios contidos na Orde EDU/3136/2011, de 15 de novembro, pola que se aproban os temarios que han de rexir nos procedimentos de ingreso e adquisición de novas especialidades no Corpo de Mestres. (BOE 18-11-2011).

CONVOCATORIAS

As convocatorias soen saír no mes de marzo, abril ou incluso maio, sendo os exames contra o final do mes de xuño e durante o mes de xullo.

A preparación comeza nas ultimas semanas do mes de setembro e primeira do mes de outubro.

Se queres consultar a última convocatoria de mestres (curso 2010-2011) preme aquí.

Nós Oposicións 2008-2012 Deseño web: Argos-Galaica